Malos senabreses

Xaneiro 15, 2009

As malas linguas falan do ruíns que son algúns senabreses (comarca da Senabria, Zamora). En Sayago (Zamora) dise que: “Si ves una culebra y un senabrés, mata’l senabrés y deja la culebra”.

Cosme D. Romay

Culebras e bastardos

Xaneiro 15, 2009

Na comarca de Sayago (oeste de Zamora), as cobras teñen moi mala reputación. Así, son perseguidas con saña cando entran nas casas, sobre todo o “bastardo” (Malpolon monspessulanus). Recolleuse alí un testemuño revelador: “Los lagartos si los veo no me importa dejarlos vivir, pero como vea un bastardo… ese no sale con vida…”. Por último, culebrón sería “Herpes zóster, enfermedad vírica” (Panero & Sánchez, 2005).

Panero, J. A. & Sánchez, C. 2005. Sayago, Costumbres, Creencias y Tradiciones. 2ª edición. ADERISA, Zamora. 208 pp.

Cosme D. Romay

Sapas paridas

Decembro 16, 2008

No concello do Grove, aínda se escoita un dito de orixe un tanto escura: cando un lugar está moi suxo, con signos de humidade e prodredume (por exemplo un vello alpendre), dise que “hai as sapas paridas”. Quizais teña que ver coa presenza de anfibios que acoden a refuxiarse nestes lugares húmidos (Urodela?) (datos propios).

Cosme D. Romay

Clisando paxariños

Decembro 16, 2008

Na comarca de Sayago (oeste de Zamora), clisar sería “Hipnotismo o eclipsamiento que producen las culebras bastardas a los pajarillos con el fin de cazarlos” (Panero & Sánchez, 2005). Un dito semellante foi recollido tamén nun lugar indeterminado de Galicia (datos propios).

Panero, J. A. & Sánchez, C. 2005. Sayago, Costumbres, Creencias y Tradiciones. 2ª edición. ADERISA, Zamora. 208 pp.

Cosme D. Romay

Mitoloxía da serpente

Decembro 14, 2008

A cobra que non é máis que un animal, e non un ser preternatural, é tamén obxecto de moitos ditos e crenzas, unhas verdadeiras, outras trabucadas. Pode nacer ben da terra, onde a nai deixa os ovos sen volverse ocupar deles; ben dun ovo dun galo de sete anos; ben dos cabelos de muller postos en maceración en auga; ben da maxia. Aliméntanse no inverno, de terra; no verán de animais; e sempre que pode, de leite. Para esto, métese na corte e mama nas vacas; métese nas casas e mama nas mulleres que están criando. Como a cobra ten o mamar moi doce, a muller non se decata, nota somentes que o neno devece, porque o que había mamar, mámallo a cobra, a cal, namentras ela mama, entreteno meténdolle a punta do rabo na boca e o rapaz deste xeito, mama en seco. Igual acontece coas vacas e os becerros (páx. 51)

Tamén adoita a serpe meterse pola boca dos animais e mais dos homes, entrarlles dentro do corpo e devorarlles as entrañas. Por eso é malo deitarse a durmir no campo. O perigo é maior para os homes que non para as mulleres, porque as cobras -en lembranza probable da historia de Adán e Eva- son inimigas dos homes e amigas das mulleres. O contrario pasa cos lagartos, e din que se dá moitas veces o caso de que a un home que está durmindo no campo, veña espertalo un lagarto, cando unha cobra se chega a el (páx. 51).

Extraído de: Vicente Risco. Obras completas. Tomo 3. Editorial Galaxia, S. A. Vigo – 1994.

Xosé Ramón.

Mitos, crenzas e costumes da Raia Seca. A máxica fronteira Galego-Portuguesa.

Decembro 8, 2008

Fágovos un pequeno resumo das lendas herpetolóxicas do libro “Mitos, crenzas e costumes da Raia Seca. A máxica fronteira Gelego-Portuguesa”, de  José Rodríguez Cruz e António Lourenço Fontes (2004). Fala de moitas destas cousas que acontecen nesta nosa zona A Gudiña, O Riós, Vilardevós, Verín, Oímbra, Monterrei, Vinhais, Montalegre, Chaves…

Moi resumido dí cousas coma isto:

“Si te morde unha culebra, busca camisa prá terra”
“Si te morde a víbora ou o viborón, busca aixada e aixadón”

Din que as culebras morren cada inverno. Métense en pequenos buratos para agocharse do frío e despois engordan tanto que non poden saír do burato (este relato escoiteino tamén eu).

Din que as culebras vellas crían no corpo unhas cunchas que lle serven para “voar” cara ao mar, onde morren.
En Parada da Serra (A Gudiña) din que as culebras cando xa van vellas crían tres cunchas, que cando queren voar para lonxe meten o rabo na boca e despois van coller altura para realizar o voo ao altao da Valada o Regueiro de Pumedo.

-Vai prá Serra de Larouco.
-Vou, rabiará quen me viu
e non me matou.

A mítica Serra do Larouco, destino final destas supostas serpes voadoras… o Deus Larouco.

Existe a crenza dun lagarto de dous rabos con facultades adiviñatorias.

Dito sobre o lagarto:
Lagarto arnau
comíchelle as papas
ao teu irmau.

En Oímbra: “Se te morde a píntega, hai que clavala nun pau, e espetala nunha árbore e cando a píntega morra e seque, o veleno non fará nada”

etc, etc, etc

Mitos, crenzas e costumes da Raia Seca. A máxica fronteira Gelego-Portuguesa. José Rodríguez Cruz e António Lourenço Fontes. Ir Indo Edicións (2004).

Xosé Ramón

Menciña herpetolóxica

Decembro 8, 2008

Acabo de lembrarme de que tiña uns apuntamentos nun caderno de campo sobre as supostas propiedades medicinais de determinadas especies e algunha cousiña máis. Isto case que se vai parecer máis á medicina tradicional chinesa que á propia desta parte da Europa. Digamos que aquí (refírome tamén á parte Portuguesa coma mesma rexión xeográfica e cultural) perviven cousas, se callar, que se remontan aos primeiros europeos.

Carne de Sapo: danlle facultades  que hoxe poderiamos chamar anticanceríxenas. Antigamente trataban con esta carne unha doenza que non sabían de que se trataba, era a morte morrida, o mal do aire, ou designacións similares.

Unto de Culebra (literal): para curar artrosis e o reuma.

Rabo de Lagarto: para comer.

Non só curación con animais senón tamén curación con pedras, por exemplo a Pedra do Raio que entre outras cousas atribúenlle a facultade de curar as mordeduras das víboras. Estas pedras adoitan ser machados prehistóricos ou castrexos, ou tamén cristais de cuarzo. Dicían que eran as pedras que se formaban onde caían os raios.

Podo contar un caso que me aconteceu a min: un día entrei na casa do tío dun amigo, na aldea da Madalena, perto de Vilar-de-Perdizes, cando mirei para enriba da mesiña do telefone tiñan un machado de pedra, unha auténtica Pedra do Raio. Dixéronme que a atoparan na “Cidá” (asentamente castrexo perto da aldea) e que a utilizaban para pasala pola pel cando che trababa unha víbora. A pedra está na casa deste veciño, cando se queira só é ir a vela, que, por certo, quedei con este amigo meu para ir por alá un día de estes e falar co seu tío de unhas cousas relacionadas con temas destes, digamos, etnográficos, mitolóxicos. É o alto Buble, polas Beiras do Larouco.

Xosé Ramón

Lendas do Riós, Ourense

Decembro 8, 2008

Falando cunha persoa dun pobo do concello do Riós, preguntándolle sobre os animais que coñecía de antigamente, contoume varias cousas interesantes:

Por un lado faloume dunha culebra (literal) que se coñecía como o Bichorro, dicía que era parecido a unha víbora, aínda que máis grosa, de cor negra, andaba por baixo da terra e cando saía á luz quedaba cego. Melanismo? De que especie se podería tratar? Confundirían unha víbora melánica cos costumes do Blanus? O de dicir que era cego a que se podería deber? Será simplemente un animal mítico con retallos de animais reais?

Dixo que “as culebras cantan coma as pitas”, falaba das culebras grandes, Malpolon monspessulanus?. Imos ver se alguén de vós pode dicir algo con respecto a este son. Podería referirse, secallar, ao son emitido polo Peto formigueiro, Jynx torquilla, confundíndoo cunha serpe ? Suxerencias ?

Contou que “as  culebras para abaixo non hai cabalo que as colla”

Tamén me falou das míticas serpes voadoras: “unha vez ía o meu pai de caza cun amigo -tiña moi boa puntería-, ouviron cantar así coma o cacarexar dunha pita dende o alto dunha carballeira (carballos cerquiños de porte pequeno), e cando miraron, aló estaba, unha culebra enorme, disparoulle un tiro da escopeta e matouna. Dicían que deveu chegar alí enriba voando” Que sería, Malpolon mospessulanus, Rhinechis scalaris?

Xose Ramón

A ponsoña

Decembro 1, 2008

A píntega (Salamandra salamandra) é coñecida no Grove como “ponsoña”. Din que é moi mala, e que hai que matala porque pola súa pel excretan un líquido moi velenoso, sobre todo para os nenos.

Cosme Damián

A “bicha ciega”

Decembro 1, 2008

En Miranda do Douro (nordeste de Portugal) coñécese popularmente á cobra cega (Blanus cinereus) como “bicha ciega”. O Sr. Domingos Gonçalo, de Paradela (Miranda), transmitiume en língua mirandesa o seguinte: “quando l ganado, una baca, o ua oubeilha anfermaba, punha-si dentro l sou chucalho ua bicha ciega biba, i deixaba-si la tapada. La baca i tamién la oubeilha çanaban coel tiempo”.

Cosme Damián