Posts Tagged ‘Pedra do Raio’

Menciña herpetolóxica

Decembro 8, 2008

Acabo de lembrarme de que tiña uns apuntamentos nun caderno de campo sobre as supostas propiedades medicinais de determinadas especies e algunha cousiña máis. Isto case que se vai parecer máis á medicina tradicional chinesa que á propia desta parte da Europa. Digamos que aquí (refírome tamén á parte Portuguesa coma mesma rexión xeográfica e cultural) perviven cousas, se callar, que se remontan aos primeiros europeos.

Carne de Sapo: danlle facultades  que hoxe poderiamos chamar anticanceríxenas. Antigamente trataban con esta carne unha doenza que non sabían de que se trataba, era a morte morrida, o mal do aire, ou designacións similares.

Unto de Culebra (literal): para curar artrosis e o reuma.

Rabo de Lagarto: para comer.

Non só curación con animais senón tamén curación con pedras, por exemplo a Pedra do Raio que entre outras cousas atribúenlle a facultade de curar as mordeduras das víboras. Estas pedras adoitan ser machados prehistóricos ou castrexos, ou tamén cristais de cuarzo. Dicían que eran as pedras que se formaban onde caían os raios.

Podo contar un caso que me aconteceu a min: un día entrei na casa do tío dun amigo, na aldea da Madalena, perto de Vilar-de-Perdizes, cando mirei para enriba da mesiña do telefone tiñan un machado de pedra, unha auténtica Pedra do Raio. Dixéronme que a atoparan na “Cidá” (asentamente castrexo perto da aldea) e que a utilizaban para pasala pola pel cando che trababa unha víbora. A pedra está na casa deste veciño, cando se queira só é ir a vela, que, por certo, quedei con este amigo meu para ir por alá un día de estes e falar co seu tío de unhas cousas relacionadas con temas destes, digamos, etnográficos, mitolóxicos. É o alto Buble, polas Beiras do Larouco.

Xosé Ramón