Posts Tagged ‘Cobra’

Mitoloxía da serpente

Decembro 14, 2008

A cobra que non é máis que un animal, e non un ser preternatural, é tamén obxecto de moitos ditos e crenzas, unhas verdadeiras, outras trabucadas. Pode nacer ben da terra, onde a nai deixa os ovos sen volverse ocupar deles; ben dun ovo dun galo de sete anos; ben dos cabelos de muller postos en maceración en auga; ben da maxia. Aliméntanse no inverno, de terra; no verán de animais; e sempre que pode, de leite. Para esto, métese na corte e mama nas vacas; métese nas casas e mama nas mulleres que están criando. Como a cobra ten o mamar moi doce, a muller non se decata, nota somentes que o neno devece, porque o que había mamar, mámallo a cobra, a cal, namentras ela mama, entreteno meténdolle a punta do rabo na boca e o rapaz deste xeito, mama en seco. Igual acontece coas vacas e os becerros (páx. 51)

Tamén adoita a serpe meterse pola boca dos animais e mais dos homes, entrarlles dentro do corpo e devorarlles as entrañas. Por eso é malo deitarse a durmir no campo. O perigo é maior para os homes que non para as mulleres, porque as cobras -en lembranza probable da historia de Adán e Eva- son inimigas dos homes e amigas das mulleres. O contrario pasa cos lagartos, e din que se dá moitas veces o caso de que a un home que está durmindo no campo, veña espertalo un lagarto, cando unha cobra se chega a el (páx. 51).

Extraído de: Vicente Risco. Obras completas. Tomo 3. Editorial Galaxia, S. A. Vigo – 1994.

Xosé Ramón.