Posts Tagged ‘Salamandra salamandra’

Mitos, crenzas e costumes da Raia Seca. A máxica fronteira Galego-Portuguesa.

Decembro 8, 2008

Fágovos un pequeno resumo das lendas herpetolóxicas do libro “Mitos, crenzas e costumes da Raia Seca. A máxica fronteira Gelego-Portuguesa”, de  José Rodríguez Cruz e António Lourenço Fontes (2004). Fala de moitas destas cousas que acontecen nesta nosa zona A Gudiña, O Riós, Vilardevós, Verín, Oímbra, Monterrei, Vinhais, Montalegre, Chaves…

Moi resumido dí cousas coma isto:

“Si te morde unha culebra, busca camisa prá terra”
“Si te morde a víbora ou o viborón, busca aixada e aixadón”

Din que as culebras morren cada inverno. Métense en pequenos buratos para agocharse do frío e despois engordan tanto que non poden saír do burato (este relato escoiteino tamén eu).

Din que as culebras vellas crían no corpo unhas cunchas que lle serven para “voar” cara ao mar, onde morren.
En Parada da Serra (A Gudiña) din que as culebras cando xa van vellas crían tres cunchas, que cando queren voar para lonxe meten o rabo na boca e despois van coller altura para realizar o voo ao altao da Valada o Regueiro de Pumedo.

-Vai prá Serra de Larouco.
-Vou, rabiará quen me viu
e non me matou.

A mítica Serra do Larouco, destino final destas supostas serpes voadoras… o Deus Larouco.

Existe a crenza dun lagarto de dous rabos con facultades adiviñatorias.

Dito sobre o lagarto:
Lagarto arnau
comíchelle as papas
ao teu irmau.

En Oímbra: “Se te morde a píntega, hai que clavala nun pau, e espetala nunha árbore e cando a píntega morra e seque, o veleno non fará nada”

etc, etc, etc

Mitos, crenzas e costumes da Raia Seca. A máxica fronteira Gelego-Portuguesa. José Rodríguez Cruz e António Lourenço Fontes. Ir Indo Edicións (2004).

Xosé Ramón

A ponsoña

Decembro 1, 2008

A píntega (Salamandra salamandra) é coñecida no Grove como “ponsoña”. Din que é moi mala, e que hai que matala porque pola súa pel excretan un líquido moi velenoso, sobre todo para os nenos.

Cosme Damián

Como matar un lobo

Novembro 7, 2008

Cóntovos unha lenda que me comentou o señor Antonio, veciño de Degrada (Ancares lucenses) e que a el lle recomendou un maderista de Becerreá (Lugo). Este comentario foi recollido o 17 de xullo do 2008 nun bar de Campa da Braña, Degrada, Lugo.

Para poder envenenar a un lobo, debemos coller a unha víbora no monte e sen maltratala. Ademais desto, necesitamos dunha casavella (Píntega, Salamandra, Salamandra salamandra). Ambos animais póñense un diante do outro á espera de que a víbora morda varias veces á casavella. Posteriormente, debemos coller a casavella e metémola dentro dun envase metálico (unha lata ou pota vella). Logo poñemos a lata (e dentro dela a casavella envenenada pola víbora) ó lume ata que quede ben chamuscada. Por último, sacamos a casavella e moémola ata facer un po fino. Este po ponse sobre carne ou algo que lle guste ó lobo, da mesma maneira que se fai coa estrignina.

Unha aperta,

Martiño